O BNG propón a creación de aulas de estudio para o alumnado de Soutomaior
Manu Lourenzo: “Os estudantes son o futuro do noso concello e merecen ter un aula de estudio adaptada ás súas necesidades”
O BNG vén de propoñer que no concello de Soutomaior se habiliten espazos para que o alumnado poida estudar. Trátase dunha demanda que veñen de facer os estudantes do concello xa que, tal e como sinalan, no concello é imposible estudar nun local en silencio e sen interrupcións.
A este respecto, o estudantado trasladou a Manu Lourenzo que “o espazo que existe na biblioteca é absolutamente incompatible co estudo. Xa non é que haxa moi poucos postos, senón que están nunha zona de paso, na que hai ruído da porta e da xente entrando e saíndo”.
Manu Lourenzo sinalou que “na biblioteca de Arcade realízase un excelente traballo por parte dos traballadores, pero as actividades, os nenos que están por alí e as persoas entrando e saíndo para pedir libros fan que alí non se poida estudar, tal e como denuncian os estudantes”.
Manu Lourenzo afirmou que “Soutomaior merece unha aula de estudo adecuada ás necesidades do alumnado con postos suficientes e nun espazo silencioso no que se poida estudar”. De nada serve ampliar horarios de luns a venres nun espazo no que os estudantes non poden concentrarse. “Os horarios deben ampliarse ás fins de semana en época de exames, que é cando veñen tamén os estudantes da universidade, e sobre todo debemos garantir unha zona de estudo digna como existe en todos os concellos. Os estudantes son o futuro do noso concello e merecen ter un aula de estudio adaptada ás súas necesidades”