O BNG presenta unha batería de medidas para mellorar as infraestruturas e servizos do barrio de Moreira
O grupo municipal do BNG de Soutomaior presentou esta semana unha moción para desenvolver unha serie de melloras nas principais infraestruturas e servizos do barrio de Moreira. Esta moción chega despois de que o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, mantivese unha xuntanza coa veciñanza do barrio, na que puxo en consenso a batería de medidas propostas pola formación nacionalista.
Entre as melloras que o BNG de Soutomaior considera imprescindíbeis para Moreira, destaca a proposta de iniciar os estudos precisos para dotar de saneamento a totalidade do barrio. Ademais, o grupo municipal pide ao Concello que estude e contacte coas persoas afectadas polos problemas nas estradas de acceso a Moreira, co obxectivo de “dotar dunha maior seguridade” estes puntos.
O BNG tamén propón garantir unha maior accesibilidade dentro dos distintos lugares do barrio coa ampliación de camiños.Por outra parte, a batería de medidas tamén recolle a retirada de arbores, arbustes e refugallos que “colapsan os arcéns” de Moreira, tanto nos accesos como nas distintas estradas do barrio; a execución de melloras e reposición do firme da estrada que conecta o núclero de Moreira co da Pena; a colocación de illas completas de colectores para reciclaxe.
Finalmente, Lourenzo propuxo que se comece, canto antes, co arranxo do parque infantil do barrio, así como a súa dotación con novos xogos para os máis pequenos.