O BNG impulsa no Parlamento galego unha iniciativa para desbloquear a construción da nova depuradora de Arcade
O portavoz municipal do BNG de Soutomaior e deputado na cámara galega Manu Lourenzo defenderá este venres no Parlamento de Galiza que se reactiven os trámites para a construción da nova depuradora de Arcade, xa que a pesar de que Agustín Reguera comprometera a súa construción no 2018 e no 2019 se anunciaran os inicios dos trámites, estes levan parados dende hai anos.
Lourenzo manifestou que “a situación que está a sufrir o fondo da ría de Vigo é dramática, co sector marisqueiro nunha situación límite e cun dos maiores sectores produtivos do noso concello, do cal viven centos de familias, en perigo”.
A este respecto, Manu Lourenzo sinalou que “por se isto non fose grave dabondo estamos en risco de volver a perder unha subvención millonaria. Europa comprometeu dous millóns de euros para facer unha nova depuradora en Arcade, pero se non se executa e certifica a obra antes do 30 de Xuño do 2024 este diñeiro vaise perder e con todos os trámites que quedan, semella que imos de cabeza a ese escenario. Levamos anos advertindo disto sen que ninguén mova nin un só dedo para solucionar esta desfeita”.
Manu Lourenzo tamén destacou que “non nos resignamos a seguir perdendo tanto diñeiro da veciñanza, nin a que a nosa ría siga neste estado sen que ninguén mova un papel. Estamos pagando multas de miles de euros por verteduras do propio concello, temos unha rede de separativa de pluviais e fecais totalmente furada. E aquí non canto de traballar para solucionar estas cousa semella que deixamos que dous millóns euros marchen polo sumidoiro. Soutomaior merece máis e imos esixir no Parlamento e onde sexa necesario o respecto pola veciñanza, polo mar e polo medio ambiente de Soutomaior que merecemos”.