O BNG esixe no Parlamento galego a ampliación do IES de Soutomaior
O deputado no Parlamento galego e portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, volve levar á Cámara galega a esixencia de ampliar o IES Soutomaior, nunha pregunta durante o pleno deste mércores, 15 de xuño, ao conselleiro de Educación, Cultura e Universidades, Román Rodríguez.
Lourenzo mantivo un encontro a pasada semana coa Dirección do instituto, da que saíu con sensacións moi positivas. "A Dirección do centro veu de trasladarnos o seu apoio a esta demanda de esixir a ampliación do IES e garantir unhas condicións educativas dignas para as familias, profesorado e alumnado".
Non e a primeira vez que o portavoz municipal leva este tema ao Parlamento da Galiza. Tanto o BNG como o grupo municipal levan anos, desde que comezou a construción do centro, a denunciar que este proxecto ía ser insuficiente e provocar graves problemas para o alumnado e profesorado. O propio Manu Lourenzo xa rexistrou diversas iniciativas ao longo dos anos, tanto no Parlamento galego como no Concello de Soutomaior, e o día 15 esixirá novamente que se respete a comunidade educativa de Soutomaior
Entre as deficiencias que o BNG denuncia, enuméranse as seguintes: falta xeral de espazos, o que limita a oferta educativa de bacharelato; a imposibilidade de facer grupos de diversificación curricular nin grupos de FP básica; o alumnado, obrigado a estar enclaustrados en aulas diminutas de 30 alumnos... Ademais, os nacionalistas lamentan que o IES non conta con salón de actos, só ten 4 departamentos para 42 profesores e 450 alumno e non ten pistas deportivas cubertas nin espazos exteriores cubertos para os dias de choiva.