O BNG esixe ao goberno local que acondicione e reabra o colexio da Oliveira para que a veciñanza poida empregalo
O voceiro municipal, Manu Lourenzo, lamentou que a veciñanza “non poida facer uso dun edificio público” ante un concello “inoperante”
O BNG de Soutomaior esixe ao goberno local que acondicione e reabra o colexio da Oliveira para que a veciñanza poida empregalo, despois de que se lle denegase a varios colectivos e asociacións do concello -incluído o grupo municipal nacionalista- o seu uso para reunións e actividades.
O concello, que empregou o colexio da Oliveira para outras actividades ao longo dos anos, xustificou a prohibición na “falta de acondicionamento” do edificio. Cabe recordar que a Oliveira é unha das sedes que a Xunta Eleitoral emprega para levar a cabo as votacións na parroquia de Arcade.
O voceiro municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, reclámalle ao concello que leve a cabo os traballos que sexan necesarios para acondicionar o colexio da Oliveira, e lamenta que a veciñanza “non poida facer uso dun edificio público” ante un concello “inoperante”, xa que este edificio leva pechado e en desuso dende o 2018 sen que o goberno local fixera nada para polo en valor e darlle unha nova vida, “outra mostra clara de que estamos ante un goberno sen ideas nin capacidade de actuación”.
Ademais, Lourenzo volveu incidir no desleixo ao BNG por parte do alcalde e do seu goberno, ao non concederlle este local para que se poida reunir coa veciñanza, a pesar de ser unha obriga democrática. “Xa non é só que non teñamos un local para manter encontros coa veciñanza no concello; agora Agustín Reguera mesmo nos nega o dereito a reunirnos coa veciñanza en edificións públicos do propio barrio”, concluíu.