O BNG demanda ao Ministerio de Fomento que busque solucións para a Vía Verde entre Arcade e Pontevedra
Os portavoces municipais de Soutomaior e Vilaboa, Manu Lourenzo e Tereixa Carro; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores; e o deputado nacionalista no congreso, Néstor Rego, asinaron o documento
O BNG redactou un manifesto para demandar ao Ministerio de Fomento a construción dunha senda peonil e ciclista nas antigas vías do tren que van de Arcade até Pontevedra. O BNG defende que unha Vía Verde que una Pontevedra e Soutomaior a través de Vilaboa traerá grandes beneficios aos concellos. Entre algúns dos beneficios da Vía Verde, os nacionalistas destacan que suporá a creación dun novo vial chan e sen tráfico rodado “que permitirá unha comunicación eficaz e respectuosa co medio”.
Hai unhas semanas, o BNG de Soutomaior organizou unha andaina no que tamén participou o deputado no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, e integrantes do grupo municipal do BNG en Vilaboa. No andaina resaltouse a importancia dunha Vía Verde que una Arcade e Pontevedra. Un par de días despois, o Ministerio de Transportes “abriu a porta” a que as infraestruturas necesarias puidesen levarse a cabo.
Agora, o BNG asinou un manifesto pedíndolle ao Ministerio de Fomento que pase das palabras aos feitos e busque solucións para a Vía Verde. Os portavoces municipais de Soutomaior e Vilaboa, Manu Lourenzo e Tereixa Carro; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores; e o deputado nacionalista no congreso, Néstor Rego, asinaron o documento.