O BNG propón un proxecto de humanización e mellora da mobilidade no núcleo urbano de Arcade

IMG-20230421-WA0015
Manu Lourenzo destacou que o goberno do Soutomaior novo sacará proveito a todo o potencial do núcleo urbano de Arcade, para que a veciñanza poida desfrutar da vila que merece.
O BNG propón un proxecto de humanización e mellora da mobilidade no núcleo urbano de Arcade

O Bloque Nacionalista Galego propón un proxecto para a mellora da mobilidade e a humanización da N-550 no núcleo urbano de Arcade a través da transformación da Avenida Castelao nun boulevard e a construción de dúas rotondas, á entrada e saída do núcleo. A frente nacionalista transformará en positivo Arcade para aproveitar toda a súa potencialidade, superando a división que provocan a N-550 e a vía férrea no núcleo urbano.

O candidato do BNG á alcaldía de Soutomaior e deputado no Parlamento de Galiza, Manuel Lourenzo, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitaron a localidade de Arcade acompañados por membros da candidatura da formación nacionalista para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Durante a visita, os cargos institucionais da organización nacionalista explicaron o proxecto de humanización da Avenida Castelao no núcleo urbano de Arcade.

Para este fin, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o rexistro de novas iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado leve a cabo a construción de dúas rotondas, á entrada e saída de Arcade, que permitirían comezar o proxecto de humanización e mellora da mobilidade no núcleo urbano de Arcade. “A estrada divide o núcleo de Arcade en dous, con malos accesos e sen ningún tipo de medida para o calmado do tráfico. É preciso levar a cabo unha actuación para a mellora da seguranza viaria” explica Rego.

Neste sentido, o deputado nacionalista lembrou que a formación nacionalista “ten presentadas emendas aos sucesivos orzamentos do Estado solicitando a construción destas infraestruturas mais os partidos que compoñen o Goberno, PSOE e UP, votaron en contra”. De facto, tamén o PP desoíu as demandas da veciñanza de Arcade no seu momento, votando en contra das emendas rexistradas polo BNG aos orzamentos do Estado durante os gobernos de Mariano Rajoy.

Este tipo de iniciativas, subliña a frente nacionalista, contribuirían a diminuír o impacto que supón que a N-550, e a vía férrea, atravesen o núcleo urbano de Arcade. “É unha zona perigosa onde xa houbo accidentes de tráfico que remataron con vítimas mortais, por iso entendemos que son necesarias este tipo de actuacións, mellorando a seguranza viaria e a mobilidade do núcleo” asevera Rego.

Por outra parte, o candidato do BNG á alcaldía de Soutomaior, Manuel Lourenzo, sinala que estas actuacións estarían enmarcadas dentro do proxecto proposto polo BNG para a humanización e a mellora da mobilidade do núcleo de Arcade, tamén convertendo a Avenida Castelao nun boulevard. “Aspiramos a superar as fendas históricas do núcleo urbano de Arcade: a N-550 que divide o núcleo en dous e vía do tren tamén divide o núcleo” apunta Lourenzo.

“Frente a un modelo urbanístico caótico e agresivo, o BNG defende transformar Arcade en positivo e aproveitar toda a súa potencialidade. Defendemos un proxecto urbanístico amábel para o peón e atractivo para que os e as comerciantes poidan manter as tendas e, mesmo, asentar novos negocios neste boulevard” sinala o candidato do BNG á alcaldía. “Un modelo de concello que nos permita unha mobilidade sustentábel, segura e que permita que o núcleo urbano de Arcade teña futuro” defende Lourenzo.

Este tipo de actuacións, continúa Lourenzo, enmárcanse dentro do proxecto defendido polo BNG no programa electoral das vindeiras eleccións municipais. “Unha parte corresponderalle ao goberno do BNG e outra das partes terá que vir a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana coa construción das dúas rotondas” reforza Lourenzo. 

O BNG propón un proxecto de humanización e mellora da mobilidade no núcleo urbano de Arcade