O BNG califica de “chapuza” a obra feita no Campo da Feira de Arcade
O grupo municipal do BNG de Soutomaior denunciou que a intervención do goberno local de Soutomaior no campo da feira é unha chapuza que non só non resolve os problemas que había no barrio senón que crea problemas novos. O portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, sinalou que “non é normal que nun lugar onde hai grandes espazos abertos metan os plataneiros xigantes no medio das beirarrúas, polo que agora en moitos lugares non pasa un carro de bebé ou unha cadeira de rodas”.
Manu Lourenzo manifestou que “estamos ante un exemplo de libro de gobeno caducado, sen máis proxecto que estas chapuzas de vila dormitorio que o único que fan é que o tráfico na contorna do centro de saúde sexa máis caótico aínda”. Trátase dun lugar de servizos atravesado pola N550 no que a xente adoita achegarse en coche. Con esta obra o único que fan é entorpecer o acceso, provocar máis caos de tráfico do que había e dificultar o aparcamento. “Hai miles de metros cadrados para solucionar eses problemas pero non acertan nin cando se equivocan”.
Dende o BNG denunciaron que con esta obra adxudicada a unha empresa de Redondela “están enterrando diñeiro público da veciñanza”, que xa denunciou problemas por culpa desta obra. Entre eles, houbo que cambiar paradas de transporte escolar obrigando aos nenos a cruzar a N550 porque agora o autobús escolar non pode maniobrar e ten que ir dar volta a Soutoxuste.