O BNG acada un acordo para demandar á Xunta a mellora do IES Soutomaior
O IES de Soutomaior afronta un novo curso cunha situación moi complicada debido as carencias do centro e as necesidades de persoal. A negativa por parte da Xunta de atender as peticións do centro motivou hai xa algunhas semanas que a dirección do IES enviase unha carta de renuncia á Xefatura Territorial ante a precaria situación na que se atopa o instituto.
Neste sentido, o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, denunciou que “o alumnado ten as mesas pegadas ao encerado en aulas diminutas para trinta alumnos; os días de choiva non hai espazos cubertos; e hai que eliminar aulas de informática para poder meter alumnos”. A maiores, tamén criticou que “esta situación dificulta que se poidan ofertar grupos de diversificación curricular ou FP básica, que son imprescindibles para o alumnado que máis o precisa. Isto non é normal nun instituto de recente construción”.
Lourenzo asegurou que “estamos nesta situación porque o PP negouse no seu momento a atender as advertencias que se lle estaban a facer. Todo o mundo se decataba de que o proxecto era unha chapuza pero o PP pensou máis en cortar cinta que nas necesidades do noso alumnado e por iso agora estamos nesta situación.” Desde o BNG tamén sinalaron que a actitude da Consellaría co alumnado de Soutomaior “está a provocar que as nosas fillas e fillos padezan todos estes problemas”.
A iniciativa do BNG pedía tamén a dimisión do Xefe Territorial “porque é o responsable de que a nosa mocidade se atope nesta situación”. A pesar disto, Manu Lourenzo propuxo separar a iniciativa en dous puntos, para acadar un acordo unánime no que á exixirlle á Xunta as mellores se refire. “O importante é que a Xunta saiba que o centro demanda que se constrúa un novo pavillón e se fagan aulas no actual ximnasio. Esa é a solución que demanda o centro e a que dende o BNG cremos se debe levar adiante”, concluíu o portavoz municipal do BNG de Soutomaior.