O BNG acada un acordo para ampliar o IES Soutomaior e construír un pavillón deportivo nas súas inmediacións

A instalación servirá para dar cabida a servizos deportivos do concello e desconxestionar o instituto.

O BNG acada un acordo para ampliar o IES Soutomaior e construír un pavillón deportivo nas súas inmediacións

O BNG de Soutomaior acadou un acordo no pleno municipal deste xoves para ampliar o IES Soutomaior e construír un pavillón deportivo nas inmediacións do centro. O acordo impulsado e alcanzado polo BNG referenda o compromiso de que o concello contará con esta nova instalación deportiva.

Para o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, a ampliación do instituto e a construción deste pavillón, que terán que ser executadas pola Xunta, “son fundamentais porque o alumnado leva desde a estrea do IES a sufrir as consecuencias dun edificio mal planificado, que quedou pequeno aos meses de abrilo e que obriga a amontoar até 30 alumnos por clase, tendo como consecuencia unhas aulas masificadas que fan imposible a calidade educativa”.

O portavoz municipal lembrou que xa en 2015, cando o primeiro proxecto de instituto entrou no concello, “o BNG sinalou que co plan do PP, o centro ía quedar pequeno e ían existir os problemas que hoxe vivimos. Están os vídeos dos plenos, están as fotografías das mobilizacións veciñais. Todas elas deixan patente que o BNG sempre propuxo que se ampliaran tanto as unidades do instituto como o seu espazo. Porén, o PP decidiu construír un instituto de 16 unidades nun espazo pensado para 12, sen ter en conta as necesidades educativas reais dun concello co potencial de Soutomaior”.

Para Lourenzo, co compromiso do BNG a que se constrúa un novo pavillón “corrixirase unha eiva histórica na educación de Soutomaior. O novo centro deportivo permitirá desconxestionar o IES, xa que o actual ximnasio poderá ser reconvertido en aulas. Ademais, o novo pavillón aumentará a oferta deportiva no concello e permitirá aumentar as instalacións dispoñibles para a mocidade e para os clubes deportivos de Soutomaior. Este concello e a súa veciñanza merece máis. Merece un goberno que traballe polo benestar de Soutomaior e non se pregue aos intereses partidistas. E conseguirémolo, no Soutomaior novo que avance e prospere da man do goberno do BNG”.

O BNG acada un acordo para ampliar o IES Soutomaior e construír un pavillón deportivo nas súas inmediacións