Ana Pontón pídelle ao conselleiro de Educación que visite o IES de Soutomaior para coñecer as deficiencias
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta mañá o IES Soutomaior, acompañada do portavoz municipal e deputado Manu Lourenzo, e varios membros da comunidade educativa do concello. Esta visita serviu para Pontón coñecese de primeira man as deficiencias e problemáticas coas que sofren cada día o mestrado e o alumnado, e que Manu Lourenzo denunciou novamente este mércores no Parlamento, cunha pregunta ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Neste sentido, a portavoz nacional subliñou que “chama a atención que haxa unha planificación de centros tan deficiente, que non ten en conta as necesidades educativas”. Pontón, que mantivo unha xuntanza co director do centro para coñecer máis polo miudo o día a día do IES, lamentou a “oportunidade perdida de construír un instituto que responda as verdadeiras necesidades” do alumnado e “cunhas instalacións que respondan ao que require a Educación no século XXI”. “Nós estamos a facer o que debería facer o conselleiro: vir ao instituto, falar co profesorado e coñecer cal é a situación real do centro”, afirmou.
Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG de Soutomaior contrapuxo o discurso da Xunta de que no IES Soutomaior non hai problemas coa “realidade que hoxe puidemos constatar novamente”. “Unha realidade que sofren cada día, pais, nais, alumnado e profesorado”, lamentou Lourenzo, “e que se concretan na evidente falta de espazo e de espazos, a imposibilidade de facer grupos de diversificación curricular nin grupos de FP básica; o alumnado, obrigado a estar enclaustrados en aulas diminutas de 30 alumnos…”.
Finalmente, tanto a portavoz nacional como o portavoz municipal do BNG coincidiron no “compromiso” do BNG coa mocidade e coa comunidade educativa de Soutomaior. “Seguiremos a traballar a carón da mocidade para que se atendan as súas necesidades e se lles dea o trato que merecen", concluíu Ana Pontón.