O SERGAS deixa sen pediatra Soutomaior durante todo o mes de xullo ao non cubrir as vacacións dos profesionais

“O BNG de Soutomaior anuncia a convocatoria dun pleno extraordinario e de mobilizacións ante o que consideran unha nova falta de respecto á veciñanza de Soutomaior por parte da Xunta de Galiza"

Logo da queixa por parte da veciñanza de Soutomaior de non poder solicitar cita para pediatría, o deputado no Parlamento galego e portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, dirixiuse ao centro de saúde de Arcade a interesarse pola situación e alí foi onde os profesionais lle confirmaron este extremo.

A información trasladada polo centro de saúde foi que a profesional de pediatría está no seu periodo de vacacións e o SERGAS non vai cubrir esta baixa, o que deixara a Soutomaior sen este servizo durante todo o mes, atendendo a enfermeira as urxencias máis leves e derivando a Vilaboa e Pontevedra as máis graves.

Ante o que dende o BNG consideran unha nova falta de respecto a Soutomaior, a súa veciñanza e os profesionais sanitarios, así como un grave ataque á sanidade pública, Manu Lourenzo anunciou que xa rexistraron a solicitude dun pleno extraordinario para esixir responsabilidades a quen corresponda.

“O primeiro que fixemos foi solicitar este pleno, e chegaremos até onde faga falta, esta nova falta de respecto non vai quedar impune, e comezamos dende xa a preparar unha mobilización en Soutomaior” advertiu o voceiro municipal do BNG e rematou matizando que “imos estár nas institucións e nas rúas para defender unha vez máis o dereito do pobo de Soutomaior a ter unha sanidade pública de calidade”.