A corporación municipal de Soutomaior reuniuse no día de onte para celebrar un pleno extraordinario solicitado a instancias do BNG para esixir solucións aos problemas da sanidade pública que “están a cebarse coa veciñanza de Soutomaior”.
A solicitude deste pleno produciuse despois de que o a Consellaría de Sanidade decidise deixar o Centro de Saúde de Arcade sen pediatra durante todo o mes de xullo. “Non se están a cubrir as baixas nin as vacacións, e a realidade é que os nosos nenos e nenas están sendo privados do seu dereito a unha atención sanitaria digna. Sabemos que a intención do PP é continuar con esta política de privatización e recortes na sanidade pública e con este pleno queremos deixarlle claro que ou deixan de cebarse coa nosa veciñanza ou unha vez máis sairemos á rúa en defensa da nosa veciñanza e do seu dereito a ter unha sanidade pública digna”. Sinalou o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo.
A iniciativa do BNG, que foi aprobada polo pleno demanda da Xunta máis médicos para o concello, a reapertura do consultorio de Romariz e unha condena rotunda as políticas sanitarias do PP. Manu Lourenzo lamentou que Agustín Reguera demorase conscientemente no tempo a convocatoria para celebrar un pleno para defender o dereito da veciñanza a ter unha sanidade pública digna. Agora, por fin o Conselleiro de Sanidade fica retratado, e sabe que en Soutomaior condenamos o que está a facer coa nosa sanidade pública.