A Xunta expedienta ao Concello de Soutomaior por non resolver un problema de verteduras nas praias

Praia da Xunqueira

O pasado mes de marzo a Xunta, a través de Augas da Galiza, acordou abrir un expediente sancionador ao Concello de Soutomaior por non solventar un novo episodio de verteduras nunha das praias do concello.

En concreto, a Consellaría de Sanidade constatou en agosto do ano pasado a existencia dunha vertedura de augas residuais na praia da Xunqueira, procedente das propias instalacións municipais de evacuación de augas pluviais. Sanidade notificoullo ao Goberno local, e requeriulle un plan coas medidas a adoptar para solventalo, así como a acreditación de que as medidas fosen levadas a cabo antes do 28 de febreiro de 2022.

Transcorrido ese prazo, a Xunta denuncia que non ten constancia de que que ese requerimento fose atendido, polo que decidiu abrir un expediente sancionador, que tería como consecuencia unha multa de 5.000 euros. O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, lamentou que eses 5.000 euros “van saír dos petos de toda a veciñanza de Soutomaior” pola “incapacidade do Goberno local de levar a cabo os requerimentos da Xunta”.

Lourenzo criticou que “novamente, o alcalde e o seu equipo de goberno demostran non estar preparados para xestionar un concello do potencial de Soutomaior”. “Precisamos dun Goberno local preocupado pola veciñanza, que sexa consciente dos problemas que afectan aos barrios e que actúe con determinación para resolvelos. A dignidade da veciñanza vai en que o Concello mellore as condicións de vida da veciñanza, e en Soutomaior leva moit tempo sen que iso ocorra”, concluíu.