Soutomaior non executou o mandato plenario de dotar de ordenadores ao alumnado necesitado
O goberno local de Soutomaior non executou o acordo plenario proposto polo BNG e aprobado polo pleno de dotar ao alumando de familias necesitadas de ordenadores para poder afrontar o curso escolar neste contexto de pandemia.
A pesar de que esta proposta do BNG foi aprobada polo pleno xa en marzo de 2020, o Partido Popular negouse sequera a presentar as bases da adxudicacion de equipos informáticos ás familias que o precisasen.
A este respecto, o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que "é unha vergoña ter ás familias obrigadas a estudar dende as casas, con moitos mozos e mozas que non tiñan equipos para poder seguir o curso". "A pesar de que esta proposta foi aprobada polo pleno, Agustín Reguera gardouna no caixón", engadiu. Para Lourenzo, "o PP de Soutomaior goberna pensando no seu propio interese e nin sequera fai os deberes para axudar ás familias que o precisan".
Manu Lourenzo tamén quixo destacar que “pasou o curso anterior, e non fixeron nada, e deixaron ao alumnado e as familias tiradas". Está empezando un curso novo e nin sequera publicaron as bases. "É unha vergoña que exitan dedicacións exclusivas no goberno local de Soutomaior e que nin sequera sexan capaces de facer algo tan necesario que foi aprobado polo pleno".
O portavoz municipal do BNG esixiu respecto para o alumnado e as familias de Soutomaior, ao tempo que demandou que o PP de Soutomaior cumpra o mandato plenario de dotar de ordenadores ás familias necesitadas.