Soutomaior non executará as melloras do barrio de Arcade de Riba pese a ser aprobadas polo pleno

A iniciativa do BNG foi aprobada coa abstención do Partido Popular, que xa manifestou que pese a iso, non a vai a executar

O BNG de Soutomaior criticou o que para eles non é máis que unha demostración de cinismo e hipocresía de Agustín Reguera e o seu equipo, que lle faltan sistematicamente ao respecto á veciñanza incumprindo os acordos plenarios.

O portavoz municipal do BNG e deputado galego, Manu Lourenzo ,manifestou que “o feito de que Agustín Reguera non teña a valentía de votar en contra da iniciativa, pero aínda así diga que non a vai a executar, non é máis que outra mostra da hipocrisía do actual grupo de goberno”.

Lourenzo tamén criticou que “Agustín Reguera chega ao pleno e nos di que non vai executar estas melloras porque son parte do programa electoral do BNG; o que denota é que, lonxe de estar pensando no que é mellor para Soutomaior e a súa veciñanza, á cal lle terá que dar explicacións, o único que pensa é no que é mellor para o PP” .

“Dende o BNG témolo claro, ben orgullosos estamos que o noso programa recolla as demandas da veciñanza, pero as iniciativas non se poden valorar en función de se as presenta o BNG ou o PP, senón se son beneficiosas ou non para Soutomaior ou para o barrio en cuestión, e Agustín Reguera, polo ben de todos e todas as veciñas, faría ben en recordalo” matizou Lorenzo  .

O edil nacionalista tamén quixo dirixirse á veciñanza de Arcade de Riba e concluír afirmando que “máis cedo que tarde, as súas demandas serán escoitadas por un goberno serio, e as prazas da Aldea e Pozovello serán humanizadas e os graves problemas de tráfico e aparcamento resoltos”.