Soutomaior leva un ano sen pediatra no centro de saúde de Arcade
O BNG reclama solucións á Xunta e prepara un calendario de accións para esixir que se respecten os dereitos da veciñanza
Soutomaior leva desde novembro de 2022 sen pediatra no centro de saúde de Arcade, despois de que a Xunta decidise non cubrir a baixa da anterior facultativa que ocupaba a praza. Nestes doce meses, a Xunta obviou as numerosas queixas da veciñanza do noso concello e as peticións do BNG para buscar unha solución a esta situación. No canto, o Goberno galego optou por poñer parches a este problema, facendo que o centro de saúde compartise pediatra algúns días con Vilaboa ou facendo que médicos de Atención Primaria atendesen os casos de pediatría, pero que en ningún caso supoñen unha solución real.
A falta de pediatras durante todo este ano fixo que os períodos de agarda fosen de varias semanas, o que obrigou a moitos pais e nais a levar aos seus fillos a Pontevedra para que puidesen ser atendidos. A veciñanza leva anos a sufrir a falta xeneralizada de persoal médico no centro de saúde de Arcade, xa que o noso concello só conta con tres facultativos. Isto provoca que Soutomaior teña unha ratio de atención de un médico para cada 2.500 persoas, moi por enriba do recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS)
A concelleira de Sanidade, Rosana Martínez, explicou que “dende o goberno de Soutomaior estamos a traballar para que en 2024 o centro de saúde de Arcade conte cun médico máis, pasando de 3 a 4. É fundamental que o servizo de pediatría tamén se reforce e a Xunta garanta que os nenos e nenas do noso concello van poder ser atendidos por un ou unha pediatra no seu concello, sen ter que desprazarse a Pontevedra ou agardar varias semanas”. Neste sentido, o BNG de Soutomaior presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para esixir ese aumento de persoal no cadro do centro de saúde de Arcade.
Pola súa parte, o responsable local do BNG, José Costas, sinalou que “a Xunta non pode seguir poñendo parches a esta situación mentres os nenos e nenas de Soutomaior seguen sen ser atendidos por un pediatra. Necesitamos solucións xa, antes de que o chegue a parte máis dura do inverno, e o BNG vai esixilas da man da veciñanza e do goberno de Soutomaior. Nas rúas, no Concello e no Parlamento, non imos parar ata contar cun pediatra”, concluíu José Costas.