Queixas das familias pola masificación das aulas do IES Soutomaior

As familias do alumnado do IES Soutomaior dirixíronse ao grupo municipal do BNG para denunciar a situación na que se atopa a mocidade que estuda no instituto.Estas protestas producíronse despois de que nas reunións de principio de curso ás que asisten as nais e os pais do alumnado tivesen que sentarse nas aulas e comprobasen o seu nivel de masificación. “As mesas están pegadas unhas a outras, case non pasa unha persoa entre elas e as filas de diante están pegadas ao encerado. Nesas condicións non se pode dar clase con normalidade. E unha vergoña que isto pase nun instituto novo” denunciaban as familias.

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “tristemente o tempo deunos a razón". "Tanto o PP na Xunta como o PP de Soutomaior cometeron unha irresponsabilidade de libro e agora temos os nosos fillos apiñocados nun instituto recén feito, porque preferiron sacarse a foto en campaña antes que preocuparse polo noso alumnado", criticou Lourenzo.

Neste sentido, asegurou que "tanto Agustín Reguera como os responsables da Xunta deben pedir perdón á veciñanza por esta chapuza, que obriga os nosos fillos a estar nesta situación e que mesmo fixo que o equipo directivo presentara a súa renuncia porque, tal e como eles mesmos sinalaron, nestas condicións non se pode educar o alumnado".

Manu Lourenzo trasladoulle as familias que "no BNG imos seguir traballando até que esta situación se resolva. Esixiremos persoal e solucións estruturais. Non é normal que as nosas fillas e fillos se atopen neste estado, mentres Agustín Reguera cala un día si e outro tamén". "Agora xa non é só o BNG quen di que o que o PP fixo unha irresponsabilidade. Agora é un clamor de todas a comunidade educativa que reclama solucións", sentenciou.

Lourenzo tamén anunciou  que o BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para abordar esta cuestión. "Igual que fixemos coa sanidade pública, defenderemos a educación dos nosos fillos alá onde sexa necesario, nas institucións e na rúa, pero esta situación vergoñenta ten que resolverse", concluíu.