Noa Presas asistirá este xoves a un acto do BNG de Soutomaior para falar sobre a estafa da tarifa eléctrica
A deputada nacionalista compartirá escenario co tamén deputado no parlamento e portavoz do grupo municipal, Manu Lourenzo, e o co responsable local, José Costas
A deputada Noa Presas asistirá este xoves 7 de outubro ás 20.30 horas a un acto organizado polo BNG de Soutomaior no multiusos de Arcade. O acto, baixo o nome ‘A suba da luz é unha estafa’, tratará sobre as causas da importante suba do prezo da luz no último mes, e pora de manifesto o porque da necesidade dunha tarifa eléctrica para Galiza.
O coloquio informativo encádrase na rolda de actos e reunións informativas que o BNG de Soutomaior está a manter coa veciñanza do concello para que conten coa información “que o goberno local non lles da”. En maio deste ano convidou a membros das comunidades de montes da contorna do concello e á veciñanza interesada para visibilizar a situación dos parques eólicos na Galiza.
O Bloque Nacionalista Galego leva anos a defender unha política enerxética que respete á flora e fauna galega, poña en valor os inxentes recursos do país e que repercuta positivamente para a calidade de vida das galegas. Todo isto fronte ao modelo enerxético que propugna a Xunta, “afastado” do interese xeral dos habitantes da Galiza e ao servizo das multinacionais.
Ademais de Noa Presas, no acto tamén intervirá o portavoz do grupo municipal do BNG e deputado no parlamento, Manu Lourenzo, e o responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas.