Manu Lourenzo apoiará as demandas da dirección e profesorado do IES Soutomaior nun pleno solicitado polo BNG
O portavoz municipal do BNG de Soutomaior e deputado no Parlamento galego, Manu Lourenzo, defenderá este martes 16 de agosto, ás 13.00 horas, á comunidade educativa do concello de Soutomaior, nun pleno extraordinario solicitado polo BNG, en apoio das demandas da dirección e profesorado do instituto. Todo isto despois de que o PP, a través da Xefatura Territorial de Educación, maltrate novamente o equipo docente e o alumnado do centro educativo.
Lourenzo subliñou que tanto el como o resto de edís e toda a militancia do BNG de Soutomaior levan anos a posicionarse coa comunidade educativa do concello e a favor de que se solucionen as demandas do profesorado e da dirección do IES. “A veciñanza sabe de todo o traballo que se fixo no Concello, no Parlamento galego e nas rúas, para esixir primeiro a construción do instituto, e despois a ampliación e incorporación de espazos que permitisen o exercicio digno da docencia”, explicou.
Neste sentido, o portavoz municipal do BNG de Soutomaior lembrou que, “desde o momento de comezar a construción do instituto, no BNG avisamos que ía quedar pequeno e que ía ser o profesorado e o alumnado o que sufriría as consecuencias”. “O PP na Xunta e o PP de Soutomaior, co silencio cómplice do Agustín Reguera, obviaron a realidade con tal de poder facer máis propaganda. O BNG de Soutomaior non tería que estar reivindicando isto hoxe se non fose pola incapacidade manifesta do alcalde e do PP de xestionar os recursos de Soutomaior”, engadiu.
"Mentres a comunidade educativa de Soutomaior siga a sufrir o maltrato sistemático e continuado do PP, tanto na Xunta como no Concello, o profesorado e o alumnado do instituto atoparán no grupo municipal do BNG de Soutomaior o máximo apoio para que se atendan as súas demandas e se lles permita desfrutar dunha educación pública digna e de calidade, que é o mínimo que merece a nosa mocidade”, concluíu Manu Lourenzo.