O Consello de Contas reprendeu a Soutomaior por volver a non presentar o seu orzamento anual nos prazos estipulados
O Consello de Contas reprendeu ao concello de Soutomaior por incumprir os prazos estipulados para presentar o seu orzamento de 2020, ao entregalos máis alá do 31 de decembro de 2019. O organismo incide en que a situación non é nova, e manifesta que “esta incidencia deuse tamén durante os 3 exercicios anteriores”. Isto quere dicir que o goberno local incumpriu a lei que lle obriga a entregar as súas contas en tempo e forma nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020.
A este respecto, o voceiro do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, criticou a “incapacidade” do PP de Soutomaior de presentar os orzamentos anuais nos prazos previstos pola lei. O tamén deputado afirmou que “nin sequera poden escusarse na pandemia, xa que do 2017 ao 2019 o coronavirus non estaba presente na nosa realidade”. “Non é a primeira vez que o alcalde e os concelleiros demostran a súa nula disposición a afrontar trámites administrativos de calquera tipo”, engadiu Lourenzo, “e por culpa destas neglixencias Soutomaior xa sufriu consecuencias e penalizacións en varias ocasións”.
Pola súa parte, o concelleiro nacionalista Diego Moreira destacou que “non é a primeira vez que o Consello de Contas notifica a Soutomaior que o goberno local está a facer as cousas mal”. O edil explicou que “o propio grupo municipal do BNG levou aos plenos varias veces esta cuestión, e a resposta é sempre o silencio”. Moreira asegurou que “moi previsiblemente as contas de 2021 volverán presentarse fóra de tempo, xa que nada fai pensar que o goberno vaia cambiar o seu modus operandi”. “Serían 5 anos xa incumprindo a lei, algo inadmisíbel para calquera concello que se considere minimamente serio”, concluíu.