O concello de Soutomaior volve quedar fora dunha liña de subvencións da Xunta

Fachada do concello

O voceiro municipal do BNG critica a “inutilidade” do goberno local e a xestión en materia de subvencións do Goberno galego

O grupo municipal do BNG de Soutomaior ven de coñecer nos últimos días que o concello volveu quedar fora dunha liña de subvencións da Xunta, destinadas á renovación de fachadas que supoñan un impacto paisaxístico. O motivo que a Consellaría de Vivenda lle da ao concello para deixala fora desta partida é que presentou a documentación requirida demasiado tarde, seis días despois de que a Xunta abrise o prazo de peticións. Cómpre sinalar que a contía destinada pola Xunta rematou pouco despois de abrir o prazo, xa que o Executivo galego non tramita as subvencións por competitividade, senón que por orde de chegada.

O voceiro municipal do BNG, Manu Lourenzo, criticou a “inutilidade” do goberno local á hora de xestionar calquera tipo de trámite administrativo. “Perden as subvencións da Deputación, perden as da Xunta e perden as do Estado español, e mentres Soutomaior segue a quedar atrás”, afirmou Lourenzo. O deputado no Parlamento galego, tamén criticou a xestión en materia de subvencións do Goberno galego, e asegurou que non entende “por que a Xunta tramita este tipo de axudas por orde de chegada e non por competitividade”.

Aínda así, o nacionalista mantén que non é escusa para que Agustín Reguera presente a documentación seis días despois da apertura do prazo, “sabendo como funciona a Xunta coas subvencións”. “Mentres a incompetencia e a inutilidade deste goberno local sigan á fronte do concello, Soutomaior seguirá a quedar cada vez máis atrás”, concluíu.