O Concello de Soutomaior desprazará o Parque da Diversidade menos dun ano despois da súa construcción

O pasado mes de maio, o Concello de Soutomaior inauguraba o Parque da Diversidade, un espazo deseñado para dar visibilidade e normalizar ás diferentes sensibilidades e formas de sentir, que menos dun ano despois proxectan desprazar.

Nada facía sospeitar no mes de maio pasado, cando o Concello de Soutomaior inauguraba o Parque da Diversidade, unha obra que custou cerca dos 20.000 euros e que publicitaban con distintas actividades como un novo espazo de lecer e esparexemento deseñado para dar visibilidade e normalizar ás diferentes sensibilidades e formas de sentir, que dito lugar non chegaría a cumprir o ano de vida, xa que o Concello de Soutomaior, decidiu desprazalo e crear no seu lugar un Skate Park.

A falta de chan municipal, unido a que o Concello de Soutomaior non contaba cos permisos cando en febreiro do 2021 anunciou a ampliación do Skate Park do peirao, fan que agora se miren na obriga de desprazar este espazo de lecer  a unha nova ubicación e a posibilidade de cortas varias das árbores dunha das únicas zonas verdes dentro do espazo urbano de Arcade.

O portavoz do BNG de Soutomaior Manu Lourenzo manifestou que “este tipo de situacións non por reiterativas, deixan de ser sorprendentes, a falta de proxecto e a improvisación traen estas consecuencias e por desgraza os exemplos abundan en Soutomaior”.

“Tivemos que ver como se gastaron os cartos na modificación do PXOM para a ampliación do centro de saúde, para agora anunciar un novo, como se fixeron e pagaron proxectos de mellora no camiño de Santiago, que non se executaron, como se anunciou a bombo e platillo un arboretum que ante a pasividade do goberno local tristemente semella máis un desertum, a lista, por desgraza para Soutomaior, é ben longa” proseguiu o voceiro nacionalista.

“Agora temos que ver como se ven na obriga de desprazar un espazo que non leva nin un ano inaugurado e que tiña que ser referencia no concello, estár dotado de actividades que fixeran ver a Soutomaior como o que é, unha sociedade aberta é inclusiva. Triste imaxe trasladamos con feitos como este, e non só iso, esta pista de Skate leva anunciada dende o 2021 e noutro espazo, agora imos a apartar os rapaces que practican esta modalidade deportiva, da zona onde están as demais pistas de ocio vinculadas ao deporte urbano, e única e exclusivamente pola falta de proxecto dun Alcalde, que como ben denotan estas situacións, está instaurado na máis absoluta improvisación” concluíu.