O Concello de Soutomaior aproba por sexto ano consecutivo os orzamentos fóra de prazo pese as advertencias do Consello de Contas
O alcalde de Soutomaior e o seu equipo de goberno aprobaron por quinto ano consecutivos os orzamentos municipais fóra de prazo. Como xa denunciou o grupo municipal do BNG, o pasado ano o Consello de Contas reprendeu a Agustín Reguera por presentar tarde as contas durante os anos 2017, 2018, 2019 e 2020. Lonxe de cambiar esta conduta, o Goberno local volveu a aprobar tarde os orzamentos de 2021 e agora os de 2022, que chegan con dous meses de demora.
O concelleiro do BNG Diego Moreira criticou duramente a “incapacidade” do actual alcalde para xestionar as contas dun concello do potencial do de Soutomaior. “Non foi nin un nin dous, senón seis os anos consecutivos nos que este Goberno local leva a aprobar fóra de prazo as súas contas”, subliñou Moreira. O edil considera que esta só é unha mostra máis do “nulo interese por facer unha correcta xestiona dos orzamento por parte de Agustín Reguera”.
Para o concelleiro, só hai que mirar como o Goberno local elaborou os orzamentos do 2022 para entender cal é a situación. “Nun momento de pandemia no que a voz da veciñanza debería ser máis escoitada ca nunca, o alcalde non se reuniu con ningún colectivo nin axente social para que fixesen achegas ou consideracións ás contas”, denunciou, “polo que as contas non responden as necesidades específicas do concello, senón as consideracións arbitrarias do PP de Soutomaior”.
Por outra banda, o voceiro municipal e deputado no parlamento galego, Manu Lourenzo reprendeu ó Goberno local pola manifesta falta de investimentos durante 2021, un ano protagonizado polo asentamento das consecuencias da Covid. “De 7,8 millóns de euros que o Concello tiña dispoñíbeis para gastar, o Goberno deixou sen empregar 3,4 millóns, cando eses cartos podían ser empregados para solucionar necesidades da veciñanza”. O mesmo ocorreu cos investimentos, para os que estaban destinados case 3 millóns de euros, e dos que “o alcalde empregou unicamente 800.000 euros, mostrando a súa total falta de proxecto para o futuro de Soutomaior”
Lourenzo denunciou tamén as contas que traen agora a aprobación, xa que “non só veñen dous meses tarde, senón que son insuficientes para cubrir as necesidades da veciñanza nun momento como o actual”. Incidiu en que “só 4% do orzamento é destinado a inversións”.