O BNG de Soutomaior reclamará servizos imprescindibles para o novo centro de saúde
Manu Lourenzo sinala que “hai que aprender dos erros cometidos no instituto e dotar a veciñanza de Soutomaior dos servizos que merece”
O grupo municipal do BNG de Soutomaior presentará unha iniciativa tanto no pleno municipal como no Parlamento Galego para dotar dos servizos impresicindibles “que merece” o novo centro de saúde municipal que se está a proxectar.
Na iniciativa que están a elaborar, o BNG denuncia que “o goberno local xa cometeu un erro por non dialogar coa veciñanza nin cos representantes para elixir a ubicación”, que para os nacionalistas “non é nin de lonxe a máis adecuada”. Pola contra, o BNG púxose en contacto e traballou con varios profesionais sanitarios para presentar esta proposta, “co obxectivo de que o novo centro de saúde estea á altura das necesidades do noso concello”.
A proposta especifica que Soutomaior necesita un centro de saúde que conte con servizos esenciais como o de urxencias, no que se poida atender á veciñanza de Soutomaior, ademais de Pontesampaio e Vilaboa. Isto evitaría que se teñan que desprazar até a Parda.
Ademais, o BNG propón dotar o novo centro de saúde con 4 médicos a xornada completa e 5 enfermeirxs a xornada completa. “Os médicos precisámolos xa, non podemos agardar nin un minuto máis”, esixe Manu Lourenzo, “xa que esta é unha demanda esencial para a nosa veciñanza”. O portavoz nacionalista ten claro que “nin os anuncios nin o cemento van curar aos nosos veciños”.
Outra das demandas que recolle a proposta do BNG é que o novo centro de saúde debe garantir que a veciñanza teña acceso a servizos sanitarios nalgúns días da semana como os de odontoloxía, xinecoloxía, fisioterapia, servizo de saúde mental, servizos xerais(administración) ou raios x.
“Debemos aprender dos erros cometidos no instituto”, conclúe Manu Lourenzo, “que dous meses despois de inauguralo xa quedaba pequeño”. Para o portavoz municipal, “o novo centro de saúde debe estar a altura das necesidades de Soutomaior, e dende o BNG non imos aforrar esforzos para conseguilo”.
Reapertura do consultorio de Romariz
O BNG tamén incluirá unha petición de reapertura temporal para o consultorio parroquial de Romariz, mentres o novo centro de saúde non estea operativo. “Non podemos deixar morrer o rural de Soutomaior”, afirma Manu Lourenzo, “ e iso pasa por medidas como a reapertura do consultorio de Romariz”.