O BNG de Soutomaior organiza un acto informativo sobre as posibilidades de saneamento da ría

O portavoz municipal do BNG defendeu a pasada semana no Parlamento galego a necesidade dunha nova depuradora en Arcade

Este venres, 24 de febreiro, ás 20:30 horas, o BNG de Soutomaior organizará un acto informativo no Multiusos de Arcade coa veciñanza e os sectores marisqueiro e mariñeiro cal é a situación actual da ría, da EDAR e cales son as posibilidades de saneamento que propoñen os nacionalistas para garantir o sustento medioambiental e económico duns sectores claves de Soutomaior e o resto do fondo da ría. O deputado e portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo estará acompañado polo responsable de Infraestruturas e Medio Ambiente do BNG no Parlamento galego, Luís Bará; e a responsable de Pesca e Marisqueo do BNG no Parlamento, Rosana Pérez.

O acto desenvólvese unha semana despois de que Manu Lourenzo intentase desbloquear no Parlamento galego a construción dunha nova depuradora en Arcade, un proxecto anunciado a bombo e prato polo PP hai catro anos e que actualmente se atopa paralizado. Ademais, Lourenzo conseguiu que a directora xeral de Augas de Galiza, Teresa Gutiérrez, confirmase que a paralización da construción traducirase “na perda de  dous millóns de euros dos fondos europeos destinados a unha nova depuradora”.

Neste sentido, Lourenzo reivindicou a importancia do encontro deste venres, no que o BNG presentará as súas propostas de saneamento da ría, fronte a un modelo do PP que, coa inacción por bandeira, ten como consecuencia as “verteduras incontroladas que implican mesmo sancións ao Concello de Soutomaior por parte de Augas de Galiza, unha alta mortandade e sucesivos paróns”.