O BNG de Soutomaior enmenda os orzamentos da Xunta ao consideralos moi negativos para Soutomaior

Dende a formación nacionalista anuncian que non apoiaran as contas senón se modifican para cubrir necesidades básicas do concello como dotar de médicos o centro de saúde.

Dende o BNG lamentan que pese aos múltiples anuncios de Agustín Reguera sobre os compromisos da Xunta con Soutomaior, as contas autonómicas amosen outra realidade, e por iso, dende o grupo municipal do BNG de Soutomaior presentaron 4 enmendas específicas a estas contas, para, en boca do seu voceiro Manu Lourenzo “correxir as graves deficiencias que estas contas teñen con Soutomaior”.

Lourenzo manifestou que destas enmendas, dúas teñen que ver directamente coa sanidade “a primeira enmenda que presentamos é para que se dote de orzamento a sustitución e contratación de persoal sanitario, para que sempre e en todo momento, a asistencia sanitaria no noso concello esté garantida, e a segunda, e pese ao anuncio de Agustín Reguera, nestes orzamentos non hai ningunha partida específica para a construcción do novo centro de saúde, senón que hai unha partida xenérica para toda a área que non é suficiente para cubrir con todos os compromisos, por iso nós temolo claro, ten que haber un partida clara, con nomes e apelidos, que recolla o inicio da construcción do novo centro de saúde e a súa dotación co persoal suficiente para cubrir as necesidades de Soutomaior”.

O voceiro nacionalista preseguiu explicando que “tamén presentamos outra iniciativa, para tal e como reclama a comunidade educativa no seu conxunto, se inicie canto antes a construcción da Fase II do IES e se solucione inmediatamente os graves problemas de espazo e matrícula que está a sufrir a nosa rapazada” e “a última enmenda presentada ten que ver con que despois de 4 anos de anuncios e promesas, seguimos agardando polo inicio das obras na nova depuradora, non podemos seguir machacando unha ría que é o sustento económico de tantas familias do noso concello, temos que tomar medidas e hai que tomalas xa”

O tamén deputado no parlamento galego anunciou que “se non se corrixen estas deficiencias e dende a Xunta se negan a negociar nestes termos, o noso voto será en contra destes orzamentos e a favor de Soutomaior, non lle imos permitir ao PP e a Xunta que xoguen coa saúde dos nosos veciños, co futuro da nosa rapazada e co pan e traballo da nosa xente”.