O BNG de Soutomaior critica que os orzamentos de 2022 evidencian “ausencia de proxecto” para Soutomaior
O voceiro municipal do BNG de Soutomaior, Manuel Lourenzo, foi moi crítico cos orzamentos aprobados no pleno do pasado mes de xaneiro, xa que estes evidencian a “ausencia total dun proxecto” de concello por parte do alcalde, Agustín Reguera.
Para Lourenzo, esa ausencia de proxecto queda patente en que “ano tras ano, o alcalde repite o mesmo discurso nos plenos sobre os orzamentos”. Asegura que as novas contas aprobadas “nin se axustan á realidade actual nin as necesidades da veciñanza”, xa que o Goberno local non só non se reuniu co BNG -que representa á metade da poboación de Soutomaior-, nin sequera o fixo cos colectivos e axentes sociais que integran o concello e que teñen unha serie de demandas e de necesidades que, na súa gran maioría, non se ven reflectidas neste orzamento aprobado “de xeito unilateral” polo PP de Soutomaior.
O voceiro afirmou durante o pleno que o Concello non se toma con seriedade o “documento máis importante do concello, xa que marca como se van empregar os cartos da veciñanza de Soutomaior durante todo 2022”. Lourenzo sinalou que o feito de que o alcalde leve seis anos seguidos a presentar os orzamentos fóra de prazo -cunha reprimenda do Consello de Contas en 2020 inclusive- é unha mostra evidente desa falta de seriedade. “Soutomaior vai estar sen orzamento aprobado até finais de febreiro, e iso é só culpa da incapacidade do Goberno local”, manifestou.
“O peor é que eses retrasos nin sequera responden ao deseño dun documento orzamentario serio”, lamentou Lourenzo, “senón que nos atopamos cunha chapuza maiúscula, carente de inversións reais ou propostas de mellora e no que o 96% do orzamentado destinarase a salarios e mantemento do propio ente”. O voceiro municipal asegurou que a percepción da veciñanza de Soutomaior é diametralmente oposta ao “mundo feliz” no que vive instalado o alcalde.
Lourenzo insistiu en que “estes orzamentos consolidan un modelo caduco no que a mocidade non ten ningún tipo de alternativa de ocio máis que ocupar os soportais; no que os traballadores e traballadoras sofren a desvalorización constante dos pisos e propiedades; con graves problemas de mobilidade e aparcamento e no que o número e calidade dos servizos municipais están en constante retroceso. Ninguén en Soutomaior, salvo o alcalde e o seu equipo, pode mostrarse satisfeito cunhas contas coma estas”.
Fronte ao desinterese do actual Goberno local, Manu Lourenzo trasladou á veciñanza o modelo “comprometido e modernizador” do BNG. “Debemos deixar atrás a política de ‘Hai partidas’, e apostar decididamente polo ‘Hai partido, temos necesidades e imos cubrilas; temos potencialidades e imos a aproveitalas’, porque temos un proxecto para un Soutomaior novo e imos a levalo adiante”, sentenciou o voceiro municipal do BNG de Soutomaior.