O BNG de Soutomaior aproba en solitario unha iniciativa para eliminar barreiras arquitectónicas do concello

Pese a recoñecer a existencia destas, Agustín Reguera optou pola abstención e recoñecer que non a vai a executar.
 
 

O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, propuxo un acordo para eliminar as principais barreiras arquitectónicas do concello e mellorar o estado das beirarrúas. Durante a defensa da iniciativa, expuxo o complicado que é para as persoas con mobilidade reducida camiñar por certas beirarrúas ou mesmo acceder pasear polo concello cun carro de bebe sen ter que invadir a cada paso a estrada, co risco que iso supón.

 

Para Lourenzo, trátase dunha cuestión prioritaria, xa que “estamos falando, por unha parte, do modelo urbano e do futuro do concello, de comodidade para a veciñanza, de facer vida nas rúas e de revitalizar o comercio local, e por outra, de garantir que calquera persoa, sexa cal sexa a súa situación ou condición, poida moverse con total normalidade polo concello”.

 

“Calquera veciño ou veciña con mobilidade reducida, con fillos pequenos ou con calquera outro tipo de dificultade trasládanos a violencia estrutural que sofre cada día en Soutomaior” relatou o portavoz municipal, que criticou que Agustín Reguera veña aos plenos “a manifestar a súa incapacidade ou dificultade para resolvelos”. “O que ten que facer un alcalde é deixar de por excusas é procurar solucións, algo que en Soutomaior non pasa”, lamentou Lourenzo.

 

Finalmente, reivindicou que “o futuro pasa por desenvolver iniciativas e actuacións que favorezan un modelo urbano no que as persoas e as súas necesidades sexan o prioritario” e no que “a economía saia reforzada polas facilidades que se lle brindan á veciñanza”. Porén, “coa inacción do actual goberno o único que estamos a conseguir é quedarnos atrás e chegar moi tarde a esas políticas que noutros concellos da contorna xa se levan tempo implementando”, concluíu.