BNG solicita no Parlamento galego medidas para paliar as restricións á pesca da anguía
A organización nacionalista manifesta que a imposición de vedas de 6 meses é un golpe durísimo para os naseiros de Pontesampaio, Soutomaior, Redondela e Vilaboa
O BNG levou ao Parlamento as restricións na pesca de anguía, unha especie de gran importancia para o sector pesqueiro do fondo da ría de Vigo e que agora pasará de estar 3 meses vedada a estalo durante medio ano.
Rosana Pérez, voceira do BNG nos asuntos de pesca no Parlamento, manifestou que “pasar de 3 a 6 meses de vedan supón un durísimo golpe para os naseiros de Pontesampaio, Arcade, Cesantes, Redondela e Vilaboa. Algo que se suma a unha situación previa de veda anual de 3 meses dende hai máis de 10 anos que lle foi imposta pola UE de xeito totalmente inxusto e ilóxico, xa que isto debese á mala xestión doutros países europeos. Unha xestión que non concorda en nada coa realidade galega”.
“Por iso levamos esta iniciativa ao Parlamento e lle solicitamos á Xunta, ao Estado español e á UE que tomen medidas para paliar as consecuencias desta decisión, que vai ter o sector parado durante 3 meses máis dos previstos inicialmente”, concluíu Rosana Pérez.
Pola súa parte, o tamén deputado e portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, quixo mostrar o “máis firme apoio ao sector”. “Non podemos permitir que ducias de veciños miren como lles prohiben traballar durante 3 meses máis sen que ninguén lles ofreza ningún tipo de solución”; ao tempo, lamentou que “mentres traían á Conselleira do Mar a sacarse fotos a Arcade, o PP votaba en contra da nosa iniciativa de dotar de axudas económicas a este sector durante este parón”. “Que o teñan claro, imos a seguir traballando na defensa dun sector tan importante para o noso concello até que cheguen as solucións”.