O BNG recollerá sinaturas en Soutomaior en apoio da sanidade pública
O BNG recollerá sinaturas no concello de Soutomaior en apoio da sanidade pública galega, maltratada sistematicamente durante anos polo PP. Esta recollida de firmas forma parte da campaña lanzada polos nacionalistas para levar ao Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que o BNG forma parte. O grupo municipal do BNG de Soutomaior instalará unha mesa este venres e este sábado na Alameda de Talo Río, ás 10 horas, para que toda a veciñanza poida achegarse e sumar o seu gran de area á loita por unha sanidade galega digna.
Esta ILP pon no foco a situación de precariedade absoluta na que se atopa o Servizo Galego de Saúde, e sinala o seu único e directo responsable: o PP, que leva 13 anos aplicando políticas de recorte e austeridade, tanto para os profesionais sanitarios como para os pacientes, as verdadeiras vítimas dun sistema sanitario público que cada vez mostra máis carencias, en beneficio dunha sanidade privada que a Xunta defende por enriba da poboación galega.
No caso de Soutomaior, a veciñanza leva anos enfrontándose a unha atención sanitaria cada vez de menor calidade. O insuficiente número de profesionais sanitarios e o peche de espazos como o consultorio de Romariz viuse este ano agravado, cando o concello quedou sen pediatra durante todo xullo, ou coa perda dun dos tres médicos que pasan consulta en Soutomaior até o vindeiro 16 de setembro. Todo isto ante o silencio cómplice do alcalde do PP, Agustín Regueira, e as continuas denuncias do portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Para darlle a volta a esta situación, o BNG defende aumentar o orzamento destinado á Atención Primaria até chegar á media estatal; incrementar a estabilidade dos cadros de persoal do Sergas; poñer en marcha un Plan de retorno, captación e fidelización de profesionais sanitarios na Galiza; e a incorporación de categorías novas ao sistema sanitario público galego.