O BNG propón que se bonifiquen os recibos do lixo e da auga á hostalería pagados dende o inicio da pandemia

Pleno ordinario de maio

Pese a que Agustín Reguera se comprometeu nunha xuntanza con hostaleiros do concello a finais do ano 2020 a bonificar estes recibos alegando que “son un factor fundamental da economía local”, o certo é que estás bonificacións non foron realizadas según denunciaron os propios hostaleiros.

Ao ser cuestionado por este feito no pleno municipal por parte do BNG, o alcalde afirmou que dita bonificación non foi feita, que o que se fixo foi subvencionar con 1000 euros a cada hostaleiro con fondos da Deputación de Pontevedra.

O voceiro municipal do BNG Manu Lourenzo anunciou que “xa que o ano pasado, e pese a ter fondos para tal fin, o concello decidiu non axudar a hostalaría nos peores momentos da pandemia, incumprir o prometido e gardar os cartos na gaveta, dende o BNG imos presentar unha iniciativa no próximo pleno para que se tomen as medidas necesarias para subvencionar a parte equivalente dos recibos xa cobrados e bonificar os próximos recibos mentres siga esta subida descontrolada de prezos”.

Así mesmo, tamén calificou como “unha falta de respecto a hostalaría do noso concello que o alcalde incumprira a palabra dada” e rematou afirmando que “que precisamos un goberno que esté a altura e mire pola economía e emprego do noso concello, que sexa de fiar e non lle minta na cara aos traballadores no medio dunha pandemia con propaganda que logo non cumpre”.