O BNG propón un novo modelo de xestión da auga en Soutomaior

O deputado Luís Bará trasladou a veciños e comunidades de augas que o proxecto de lei do ciclo da auga é un novo “sablazo” nun contexto xeralizado de suba de prezos.

O BNG de Soutomaior organizou no día de onte un acto coa veciñanza e comunidades de augas de Soutomaior. No acto, na casa do pobo da Pedreira, a concelleira Charo Bouzón, o portavoz municipal e deputado Manu Lourenzo e o deputado responsábel de Medio Ambiente, Luís Bará, explicaron as consecuencias que terá para a veciñanza e comunidades de augas o proxecto de lei de xestión do ciclo da auga que está a tramitar a Xunta de Galiza.

Bouzón destacou que, nun concello como o noso, no que as comunidades de augas abastecen a centos de veciños, “non podemos permitir que se volva atacar o noso modelo de abastecemento”. Pola súa banda, Manu Lourenzo destacou que “cremos que Soutomaior ten un potencial inmenso, pero para desenvolvelo precisamos un goberno local que se preocupe e non que desapareza cando se atacan os dereitos dos nosos veciños”.

O deputado de medio ambiente Luís Bará salientou que se este proxecto de lei vai adiante a veciñanza de Soutomaior sairá moi prexudicada, xa que a Xunta vai obrigar as comunidades a instalar antes de 3 anos medidores e facer obras moi custosas. Prevese un incremento de impostos á auga, sobre todo para persoas e empresas, a través do canon de depuradoras. “As comunidades prestan un servizo que debería dar a administración pública, polo que non é normal que o sablazo vai sempre enriba dos mesmos”.

Luís Bará apostou por un plan de financiamento para este tipo de obras, pola colaboración coas comunidades de augas e pola aposta por un novo modelo de xestión da auga baseado no “aforro, a xestión responsábel e o reaproveitamento”.