O BNG impulsa un acordo para desenvolver melloras no barrio de Aranza
Estas melloras repercutirán sobre todo en infraestruturas básicas e accesos, o que favorecerá positivamente as condicións de vida da veciñanza do barrio
O BNG de Soutomaior impulsou un acordo para desenvolver melloras no barrio de Aranza no pleno ordinario de novembro. O concelleiro nacionalista Diego Moreira expuxo a situación que vive Aranza, despois de anos de abandono por parte do goberno de Soutomaior. O edil do BNG manifestou “a imposibilidade que teñen os vehículos de emerxencias e ambulancias de chegar ás vivendas de rúas como a Cavadiña e a Rúa Nova”, o que obriga a veciñanza “a desprazarse até o Coutiño, sexa cal sexa o seu estado, para recibir asistencia ou ser trasladados”.
Tamén salientou o estado “pésimo” de estradas como á que vai á Ermida, as beirarrúas e os accesos ás zonas de baño existentes en Aranza, que provocan problemas habituais e ante os que o alcalde fai oidos xordos. Moreira recordou a caída que sufriu unha visitante o pasado verán nun destes accesos, e as posteriores dificultades que tiveron os servizos sanitarios para socorrela e auxiliala por mor da situación na que se atopan estes accesos, tendo que trasladar á accidentada quilometro e medio nunha camilla. Ademais, criticou o estado no que se atopan algunhas infraestruturas, como os adoquíns e pasamans da ponte que da acceso ao barrio ou a pasarela de madeira que da acceso ao río, que ardeu hai anos e de que agora só quedan os restos calcinados aínda sen recoller.
Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior, escusouse en que “o BNG leva moito tempo sen ir a Aranza”, a pesar de que o propio Diego Moreira e o voceiro municipal, Manu Lourenzo, mantiveron un encontro coa veciñanza de Aranza a mediados do mes de setembro, no que os asistentes transmitiron ao grupo municipal todas as problemáticas recollidas na moción do Bloque. O rexedor enumerou algunhas obras feitas no barrio, a pesar de que a maioría delas tiveron lugar hai máis de dez anos, e escusando que non se facían máis obras, se recuperaba a pasarela sobre o rio ou preparaban os accesos as zonas de baño para evitar a súa masificación.
A pesar de todas as trabas e escusas, finalmente o PP votou a favor da moción do BNG. Á saída do pleno, Manu Lourenzo mostrábase “feliz” polo acordo impulsado polos nacionalistas. “Por moito que o alcalde queira tapar, o barrio de Aranza é un barrio esquecido polo goberno municipal, no que a súa veciñanza ten que enfrontarse todos os días a dificultades impropias dun concello da capacidade de Soutomaior”, engadiu. O voceiro municipal asegurou que, “con este acordo, agardamos que o concello se poña as pilas e que as condicións de vida da veciñanza de Aranza poida mellorar”. concluíu.