O BNG esixe que se solucionen os problemas derivados do incendio da Pontesa
Os malos cheiros e a falta de información causan malestar e preocupación na veciñanza de Arcade, a máis afectada polos problemas derivados do incendio na histórica fábrica
O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, esixiu ás administracións responsables que asuman as súas responsabilidades e traballen para solucionar todos os problemas derivados do incendio da fábrica da Pontesa o pasado mes de novembro.
“A veciñanza ponse en contacto con nós para queixarse do que acontece na Pontesa. Os malos cheiros son continuos e fan imposible que a xente poida desenvolver a súa vida. As molestias que sofre a veciñanza son constantes e ninguén pon solución, despois de que se veñan esixindo dende hai meses", denunciou.
Para o portavoz municipal do BNG, “o escurantismo e a falta de información sobre este tema están a ser unha constante. Os veciños e veciñas deste concello merecen saber que está pasando na Pontesa, quen son os responsables directos de solucionar esta situación e que medidas se van a levar a cabo para facelo. É o que merece a veciñanza e é o que o BNG esixe”.
Manu Lourenzo detallou que “a fábrica está en terreos de Costas, competencia do Estado, e ten autorización da Consellaría de Industria (competencia da Xunta), pero esiximos que calquera administración con competencias tome medidas xa e solucione esta situación".
Finalmente, Lourenzo insistiu en que "no BNG poñemos no centro o benestar da veciñanza de Soutomaior, e é intolerable que meses despois do incendio ninguén saia a dar explicacións e os responsables boten balóns fóra. Os veciños e veciñas deste concello merecen moito máis e no BNG traballamos e traballaremos por conseguilo”.