O BNG esixe cobertura por fibra para a veciñanza de Soutomaior
O Grupo Municipal do BNG esixiu no día de onte que o goberno local de Soutomaior realice os trámites necesarios para dotar de cobertura por fibra á veciñanza de Soutomaior.
Fíxoo a través dunha moción rexistrada na que propoñen un acordo plenario que comprometa o goberno local a realizar as xestións necesarias diante da Xunta, do Goberno e das empresas implicadas para que a veciñanza de Soutomaior teña acceso a este servizo.
A este respecto, o portavoz municpal do BNG, Manu Lourenzo sinalou que “Hai xa máis de un ano que o alcalde Agustín Reguera anunciou que todo o concello de Soutomaior tería cobertura por fibra ao remate do ano 2021, pero unha vez máis demostrouse que isto non era máis que propaganda e mentiras. E as consecuencias de todo isto é que Soutomaior volve quedar atrás en asuntos que son fundamentais para o seu desenvolvemento Ao igual que acontece coa sanidade, a educación ou o modelo urbano, Soutomaior queda atrás tamén no acceso da súa veciñanza á cobertura por fibra.
A día de hoxe, rematado xa o ano 2021, a realidade é que no concello de Soutomaior case a metade do concello non ten acceso a esta cobertura. “Xa non é que non haxa cobertura por fibra en todo o concello como dixeron ,senón que nin sequera hai previsión de incorporala en zonas urbanas do centro de Arcade. E todo isto mentres concellos veciños teñen fibra ata nas aldeas, pero en Soutomaior quedamos atrás unha vez máis.