O BNG denuncia o acoso do PP á comunidade educativa do IES de Soutomaior
A dirección do IES de Soutomaior vén de enviar unha carta de dimisión á Xefatura Territorial de Educación despois de que os responsables da Consellaría de Educación se negasen rotundamente a atender as necesidades do IES de Soutomaior.
“O instituto, un centro construído hai catro anos, pero que xa dende o primeiro curso ficou pequeno, afronta un novo curso coa comunidade educativa esixindo solucións. Haberá que habilitar aulas sacrificando laboratorios, terán que desmantelar tamén aulas de informática e as aulas estarán saturadas, nas que as mesas do alumnado están practicamente pegadas aos encerado sen que se poida andar pola aula”. Así o denuncia o portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Lourenzo destacou tamén que “sabían que isto ía pasar porque o advertimos cando miramos o proxecto. Agustín Reguera ten que pedir desculpas porque el foi un dos que avalou este desastre que temos agora. Temos un alcalde sen peso político e ao que ninguén toma en serio na Xunta e por iso somos sempre os últimos en todo... na sanidade, na educación. Pero agora quen paga a súa irresponsabilidade é o alumnado e a comunidade educativa do IES de Soutomaior”.
O portavoz criticou que “é unha vergoña que o alumnado teña que estar nesta situación nun instituto recén feito” ao tempo que esixiu á Xefatura Territorial e á Xefatura de inspección “que se aforren a súa ‘macarrería’. Quen debería estar presentando hoxe a súa dimisión non é a dirección do IES de Soutomaior, senón o Xefe Territorial de Educación polo caos que está a provocar na Educación Pública de Soutomaior”.
Manu Lourenzo quixo trasladar o seu agradecemento e apoio a todo o profesorado e ao equipo directivo do IES de Soutomaior por un traballo inxente e exemplar para sacar adiante a educación dos nosos fillos e fillas. “Estamos con vós, e faremos todo o que sexa necesario en defensa do ensino público”