O BNG de Soutomaior enche o multiusos de Arcade na charla informativa sobre o incremento do prezo da luz
Os nacionalistas defenden que o problema do encarecemento da electricidade precisa dunha solución “a altura da cidadanía”
O BNG de Soutomaior desenvolveu unha charla informativa coa veciñanza do concello para poñer sobre a mesa as cuestións de maior relevancia relacionadas co continuo encarecemento do prezo da luz nos dous últimos meses, en especial perante a servidume dos gobernos de PP e PSOE ás grandes multinacionais do sector eléctrico.
O responsable local do BNG de Soutomaior, Jose Costas, deu inicio ao acto sinalando que a suba do prezo da luz “afecta a particulares e negocios por igual”. “Este incremento indiscriminado ten como razón única e exclusiva unha motivación política”, explicou, para despois afirmar que nin o PP de Jose María Aznar e Beatriz Mato, nin o PSOE de Felipe González e Antonio Miguel Carmona son os que van dar unha solución a un problema que “cada vez afoga a máis xente”.
Pola súa parte, o portavoz municipal, Manu Lourenzo, recoñeceu o “traballo silencioso” de moitos veciños e veciñas de Soutomaior que “sempre estiveron aí cando houbo que mobilizarse para defender os dereitos dos galegos”. A continuación, puxo a lupa nalgúns das problemáticas derivadas dos abusos das grandes empresas eléctricas. En especial, fixo fincapé na recente sanción “irrisoria” que a Xunta lle impuxo a Naturgy pola alteración forzada do caudal do río Verdugo, “do que tantas persoas deste concello viven”.
Finalmente, a deputada do BNG e responsable de Enerxía no Parlamento galego, Noa Presas, dedicou o seu tempo de exposición a explicar ao centenar de asistentes a charla como funciona o sistema de compañías eléctricas, e como fixan os prezos da electricidade. “Os abusos das multinacionais existen dende hai anos”, afirmou Presas “e o encarecemento actual só é unha pedra máis enriba das galegas”. A deputada concluíu a súa intervención explicando o “espolio enerxético” ao que é sometido Galiza.