O BNG convoca un pleno extraordinario en apoio das demandas da dirección e profesorado do IES Soutomaior
O grupo municipal do BNG de Soutomaior presentou no día de onte, 4 de agosto, a solicitude para convocar un pleno extraordinario con motivo da indignante faltade respecto da Xefatura Territorial de Educación coa comunidade educativa do concello, e en apoio das lexítimas demandas da dirección e do profesorado do IES Soutomaior de dotar o instituto dos espazos necesarios. Unha dirección e un profesorado que traballa para garantir unha educación digna e de calidade para a nosa mocidade.
Neste sentido, o portavoz municipal do BNG e deputado no Parlamento, Manu Lourenzo, remarcou que os nacionalistas sempre se mantiveron a carón da comunidade educativa de Soutomaior, e especialmente da dirección e do profesorado do centro. “O seu traballo coas futuras xeracións deste concello é algo que se debe protexer e valorar. Non podemos consentir que sigan exercendo a súa profesión neste grao de precariedade. Trátase dunha cuestión de dignidade que non afecta só a eles e ao alumnado, senón que a todo o concello”.
"Presentamos este pleno municipal porque cremos que chegamos a un punto de non retorno, despois de que a dirección do IES decidise renunciar ante o maltrato continuado da Xefatura Territorial de Educación e da Xefatura de Inspección”, detallou Lourenzo, “e por iso queremos que o Concello exixa a dimisión do Xefe Territorial de Educación de Pontevedra, así como que se resolvan definitivamente as urxentes demandas da dirección e do profesorado do centro”.
O portavoz municipal lembrou que a situación crítica do IES Soutomaior non é algo deste verán. “Avisámolo xa cando se presentou o proxecto, que o instituto ía quedar pequeno e ía haber estes problemas. Porén, o PP de Soutomaior, co alcalde Agustín Reguera á cabeza, optou novamente polo silencio cómplice e o seguidismo co PP na Xunta, coma sempre e en todos os temas”.